Facerse maior ten unha parte de renuncia obrigada. Non é que as cousas vaian peor nin que todo se volva escuro. É máis ben como se polo camiño foses perdendo parte das ilusións, pero tampouco é exactamente iso. Ás veces, cando escoito unha canción —e pouco importa cal sexa— percibo como nun intre fugaz o que sentía hai tanto tempo, un xeito de emoción, de recordo, daquela ansiedade inocente por ser, de estímulo e de enerxía inesgotable. Agora, forzado, trato de prolongar ese instante, pero, de maneira repentina, el desaparece para deixarme neste habitual estado de placidez aletargada na que vivo.